O BNG de Vimianzo vén de solicitar unha xunta de portavoces a fin de preparar as comisións previas ao pleno no que se debaterán os orzamentos municipais para o 2026.
A formación nacionalista destacou a necesidade de contar cun centro de día de atención a maiores dependentes. O seu voceiro municipal, Benxamín Queiro, sinalou que “as familias do concello precisan dun centro onde os seus maiores poidan estar ben atendidos durante unhas horas”.
Por este motivo, o BNG tentará acadar o compromiso de todos os grupos da corporación para a posta en marcha deste servizo, así como varias inversións nas que destaca a Casa da Xuventude, a rede de saneamentos nas parroquias de Serramo e Bamiro, ademais de retomar o proxecto de arranxo de pista no lugar de Ogas.
Alén, desde o grupo nacionalista insistiron na importancia de cumprir as inversións orzamentarias acordadas no pleno da corporación, polo que acusan ao goberno municipal de “despilfarro e mala xestión, pois non foi quen de executar todos as obras e investimentos aprobados nos anteriores orzamentos, a pesar de contar durante dous anos consecutivos cos orzamentos máis elevados da súa historia”.