O BNG defende no Pleno de Vigo un reforzo urxente da Atención Primaria

2 minutes read

O Bloque Nacionalista Galego esixe un reforzo urxente da Atención Primaria ante a situación límite que atravesan os centros de saúde da área sanitaria de Vigo. A fronte nacionalista defende no Pleno municipal, que se celebra este mércores, unha batería de propostas que teñen como obxectivo fortalecer a rede sanitaria pública na cidade fronte ás «políticas deliberadas de desmantelamento» promovidas pola Xunta do PP.

«Esta moción vén precedida pola decisión irracional de restrinxir hai unhas semanas a atención en 14 centros de saúde da área, 7 deles en Vigo, que supuxo privar a millares de viguesas e vigueses de atención sanitaria, unha decisión imposta sen diálogo co propio persoal e que volveu verificar como o PP sitúa a nosa cidade na zona cero da desfeita sanitaria, como un banco de probas das súas políticas contra a sanidade pública», subliñou en rolda de prensa o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.

Desde o Bloque instaron á Xunta a que non volvan a aplicar restricións nos centros de saúde porque a Atención Primaria en Vigo xa está ao «bordo do colapso» e cun cadro de persoal «exhausto» ante a falta de medios técnicos e humanos. Unha realidade que, en opinión das nacionalistas, non pode xustificarse só polos efectos derivados da Covid-19. «En todo caso a pandemia agravou e deixou en evidencia as carencias deste modelo sanitario tras unha década de continuados recortes do goberno do PP, de Alberto Núñez Feixóo e Marta Fernández-Tapias», asegurou o edil nacionalista.

Recortes que se reflicten nun descenso do orzamento para este 2022, con dous millóns de euros menos destinados á Atención Primaria. Desde 2009, advertiron desde o BNG, o recorte ascende a 47 millóns de euros que, actualizados coa evolución da inflación durante este período, incrementa até 277 millóns de euros os recursos recortados na sanidade pública. Por este motivo, as nacionalistas piden aumentar o orzamento sanitario até o 25% do presuposto total da Xunta de Galiza. «A solución non é dicirlle á poboación que non necesita médico nin tampouco a telemediciña, como vén de expresar o conselleiro de Sanidade», criticou Igrexas.