O deputado do BNG polas comarcas de Costa da Morte e Bergantiños, Daniel Pérez, desprazouse até Corcubión para reunirse cos responsábeis comarcais e outros representantes do BNG na zona, e con representantes sindicais e do servizo de prácticos para coñecer de primeira man a problemática que existe en relación á cobertura da praza de práctico dos portos de Corcubión, Cee, Corme, Laxe, da que tivemos coñecemento pola publicación do prego de condicións para este servizo.
A practicaxe é un servizo público obrigatorio, exercido por profesionais privados, e cun marcado compoñente de seguridade. Por iso, o práctico destes catro portos debe estar en todo momento a disposición de Capitanía Marítima, por razóns de emerxencia o de seguridade marítima, 24 horas/365 días.
A petición do práctico actual destes portos, e con motivo da súa substitución por xubilación, Portos de Galiza iniciou o procedemento e autorizou xa as prácticas da que vai a ser a substituta.
En data 8 de marzo de 2022 publicouse no DOG o prego de prescricións particulares do servizo de practicaxe nos portos de Laxe, Cee e Corcubión, no que se suprime unilateralemente a practicaxe no porto de Sada.
No prego non se contemplan zonas de fondeo nos portos de Cee, Laxe e Corcubión, cando o fondeo neste último xoga un papel importantísimo na seguridade da zona durante os temporais de inverno. Ou que recolle que o servizo de practicaxe nestes portos está marcado polas mareas, co cal a realización de manobras estaría limitada a dúas horas ao día, cando nestes catro portos a dispoñibilidade para realizar as manobras debe ser de 24 horas ao día polas súas características.
Ademais, no prego establécense unha rebaixa moi considerábel das condicións económicas do práctico que puidera facerse cargo do servizo.
En definitiva, as actuais condicións contidas no prego de prescricións particulares do servizo de practicaxe nos portos de Laxe, Cee e Corcubión, pode propiciar a súa supresión en toda a Costa da Morte.
De non adoptarse medidas inmediatas e urxentes pola Xunta de Galiza, e nomeadamente por Portos de Galiza, a partir do mes de agosto (data de xubilación do actual práctico) toda a Costa da Morte vaise ver privada deste servizo, o que terá consecuencias na seguridade marítima da zona, e suporá, de facto, o peche destes a portos á actividade marítima.
Esta situación, á súa vez, terá consecuencias directas e moi negativas en toda a comarca, comprometendo ademais a viabilidade de Xeal (antiga Ferroatlántica), derradeira industria da Costa da Morte, que dá emprego nas súas fábricas a máis de 200 persoas.
Dende o BNG rexistraremos iniciativas para que a Xunta, e nomedamente Portos de Galiza, adopten cantas medidas sexan necesarias para garantir por un lado o servizo de practicaxe na Costa da Morte, que ten un marcado compoñente de seguridade, e, por outro, a actividade portuaria e marítima nos portos de Laxe, Corme, Corcubión, e Cee.