O BNG demanda o reforzo de servizos médicos e novas especialidades no hospital público da Costa da Morte

Cedida.

O deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua, vén de presentar varias iniciativas no Parlamento galego nas que solicita á Xunta de Galiza o reforzo de varios servizos médicos, así como a creación de novas especialidades, no hospital público comarcal “Virxe da Xunqueira”, situado en Cee.

“Existen servizos no centro hospitalario que deben ser reforzados de forma inmediata e que son unha demanda da cidadanía dende hai moito tempo”, indicaron desde a organización nacionalista, que subliñou que nos últimos anos a veciñanza e os profesionais sanitarios teñen manifestado a súa preocupación pola falta de determinadas especialidades. “Nalgúns casos impiden garantir unha atención sanitaria de calidade e en igualdade de condicións co resto da cidadanía galega”, insistiron.

Neste senso, o BNG pediu a creación dunha praza máis de psiquiatría no cadro de persoal do hospital, para reducir as listas de espera e ofrecer un servizo de calidade aos usuarios, así como a recuperación do servizo de hospitalización a domicilio (HADO), dotándoo do persoal necesario para que funcionen as dúas unidades que se viñan desempeñando hai un ano.

A formación nacionalista tamén cre necesario que exista un verdadeiro servizo de cardioloxía, incorporando as prazas necesarias no cadro de persoal, para que o hospital comarcal conte cun servizo sanitario completo de dita especialidade, que funcione as 24 horas do día e os 365 días do ano.

Ademais, solicitou aumentar o servizo de diálise a unha quenda máis, e o servizo de REA (sala de reanimación) á rolda da noite. “É necesario ampliar o servizo de diálise cunha quenda máis, pois estas semanas atrás estivo xente desprazándose á Coruña porque non tiña sitio no hospital de Cee; e precisamos aumentar o servizo de REA ata cubrir as 24 horas, o que permitiría facer intervencións cirúrxicas en calquera momento da noite no hospital, sen ter que desprazarse á Coruña por non ter a sala de reanimación operativa”, sinalaron desde o BNG.

En canto a novas especialidades, a iniciativa impulsada por Oscar Insua urxe a dotar ao hospital dos servizos de neuroloxía, logopedia e terapia ocupacional, indicando que “é imprescindible e factible” contar neste hospital comarcal con estes novos servizos médicos, co fin de axudar aos doentes a incrementar a súa independencia funcional derivada de enfermidades ou traumatismos e a aumentar o seu desenvolvemento e previr a incapacidade. “Só se pode acceder a estas especialidades desde o sector privado, de aí a necesidade de ofrecelos dende a sanidade pública”, destacou o BNG.

Pola súa banda, Oscar Insua manifestou que “ampliar servizos é ampliar dereitos; non podemos permitir que nos recorten prestacións cada vez que un servizo médico falla. A sanidade pública temos que defendela e mellorala sempre, porque os da dereita só desexan privatizar eses servizos que fallan ou ben non existen, e case sempre é pola súa propia responsabilidade”.

Servizo oncohematolóxico

Por outra banda, o BNG anunciou que levará ao Parlamento galego a demanda á Xunta sobre a posta en funcionamento, con todos os servizos previstos, da unidade de oncohematoloxía no hospital comarcal  “Virxe da Xunqueira”. O asunto tratarase este xoves 20 de novembro na Comisión 5° de Sanidade, Política Social e Emprego, a través dunha proposición non de lei que será defendida polo deputado Oscar Insua.

Related posts

Novo convenio de colaboración entre o Concello de Carballo Vieiro para a prevención das drogodependencias

Obras de mellora da estrada entre os núcleos do Lorteiro e Goexe, na Laracha

Camariñas solicitará a adscrición da antiga Escola Náutico Pesqueira á Tesourería Xeral da Seguridade Social