Os nacionalistas afirman que a Xunta leva 5 meses sen dar resposta á solicitude de información realizada polo deputado do BNG Oscar Insua, respecto á atención ao alumnado con necesidades especiais nos centros escolares da Costa da Morte. Os nacionalistas subliñaron que “a petición foi realizada en outubro pasado, mediante o artigo 9 do regulamento do Parlamento galego, e Educación continúa sen comunicar nada cando xa estamos case en marzo, e logo de que vaia transcorrido máis da metade do curso escolar”.
En concreto, Insua pediu que o goberno galego traslade un informe no que se contemple toda a información sobre a matrícula de alumnos e alumnas nas ensinanzas obrigatorias (infantil, primaria e educación secundaria) nos distintos colexios públicos e concertados de toda a comarca, detallando o número de escolares por curso e por aula en cada colexio, así como o número de alumnado NEE (Necesidades Educativas Especiais) e NEAE (Necesidades Específicas de Apoio Educativo) que hai en cada un deles.
Así mesmo, o parlamentario nacionalista solicitou que lle comuniquen o número de profesores e profesoras de Pedagoxía Terapéutica e de Audición e Linguaxe que hai en cada colexio, así como a cantidade de coidadores (ATE).
O BNG lembrou que a Xunta segue a “facer oídos xordos” ás reivindicacións das familias, que desde o inicio do ano escolar están demandando máis profesorado especializado para a atención das necesidades educativas dos alumnos e alumnas máis vulnerábeis nos centros escolares da Costa da Morte, nomeadamente os de Muxía e Cee, que están precisando de máis recursos nese sentido.
“Insistiremos ata que a Consellería de Educación atenda as demandas das ANPA’s, e continuaremos apoiando ás familias”, subliñaron desde a formación nacionalista, que indicou que este martes 24 de febreiro volveron a levar a problemática ao Parlamento galego da man da deputada Cristina Fernández, que defendeu unha iniciativa na que reclamou á Xunta que adopte as medidas necesarias para mellorar a situación do alumnado con necesidades educativas especiais nos centros escolares galegos, e na que o PP votou en contra.
Os deputados do PP votaron en contra desta iniciativa do BNG, na que se solicitaba actualizar o catálogo de profesorado e especialistas existentes nos centros educativos para adecualo á nova realidade da matrícula, con maior alumnado con diagnósticos que esixen unha atención temperá e individualizada, alumnado migrante e con necesidades escolarizado en centros ordinarios, entre outras peticións.
Oscar Insua manifestou que “omitir información é a forma máis antiga de enganar á xente, e é o que está a facer o Partido Popular na Costa da Morte”, e engadiu que “é unha vergoña que a estas alturas do curso teñamos que seguir mendigando profesorado para o alumnado con necesidades especiais. Os informes das direccións dos colexios na comarca están aí, con cifras ben claras e que aumentaron coas novas matrículas fóra de prazo, e seguimos a descoñecer os criterios utilizados pola Consellería para negarse a dotar de máis profesores de PT e AL”.
Por último, o deputado declarou que “o PP da Costa da Morte é cómplice do goberno galego e aquí na comarca tamén calan, permanecen en silencio ante as demandas dos pais e nais que o único que queren é o mellor para os seus fillos, e para os deles tamén”.