O BNG súmase á celebración dos cen venres negros para denunciar o control e manipulación do PP dos medios públicos para convertelos na súa particular canle de propaganda, e reclamar unha CRTVG ao servizo da sociedade galega, como reivindican desde hai un cento de semanas os e as profesionais de Defende a Galega, na que é a maior mobilización na historia do ente público.
“É indecente que nun contexto excepcional os medios de comunicación públicos silencien sesións parlamentarias pero dediquen horas a retransmitir as roldas de prensa presidencias, -nun mes 16 veces, 800 minutos de pantalla-, propaganda televisada para culto dun líder que se nega a comparecer no Parlamento onde reside a soberanía popular”, critica Rodil.
A formación nacionalista aposta por impulsar cambios que permitan des-politizar a radio e a televisión públicas, empezando pola Dirección Xeral; garantir os dereitos profesionais e laborais do seu cadro de persoal e, en definitiva, aposta por poñer os medios públicos ao servizo da sociedade galega.
