- Rego votará «si» este próximo martes na segunda votación para que Pedro Sánchez sexa investido como presidente do goberno
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, facilitará a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno votando «si» este próximo martes nunha segunda votación, onde gañaría por unha maioría simple, é dicir, contando con máis votos a favor que en contra.
A executiva nacional do BNG decidiu este venres que finalmente a súa postura será o voto favorable tras lograr do PSOE varios compromisos da «axenda galega» reivindicada polo partido nacionalista, como a busca dunha solución á crise industrial galega ou á problemática do custo das peaxes na AP-9.
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, viaxou este venres a Madrid xunto con Rego para firmar ese acordo que lle garantizará a Sánchez ser investido como presidente de España.
A decisión do BNG prodúcese a poucos meses das eleccións galegas nas que tanto nacionalistas como socialistas dan por descontado que o acordo entre ambas formacións será imprescindible para conformar un goberno alternativo ao de Feijóo.
Sánchez contará cos votos a favor de Unidas Podemos, Máis País, PNV, Teruel Existe, Compromís e BNG, cos que suma un total de 167 votos fronte a 164 votos en contra de PP, Ciudadanos, Vox, a CUP, Junts per Catalunya, Foro Asturias, o Partido Rexionalista Cántabro e Unión do Pobo Navarro.