O BNG e o Bloco de Esquerda loitarán pola alta velocidade entre Galicia e Portugal

1 minutes read

O Bloque Nacionalista Galego e o Bloco de Esquerda celebran unha cimeira política ao máximo nivel en Vigo este 14 de decembro co obxectivo de deseñar unha estratexia para impulsar o transporte ferroviario entre Galicia e Portugal na súa dobre vertente de transporte de mercadorías e pasaxeiros.

E dicir, no primeiro caso para impulsar a execución do Corredor Atlántico integrado na Rede Transeuropea de Transportes (RTE-T) e, no segundo, para modernizar a conexión por tren entre Vigo e Porto, a coñecida como “conexión Sur”, de tal xeito que un traxecto que hoxe leva máis de dúas horas pase a ser de 55 minutos.

O encontro será ao máximo nivel de ambas formacións, de tal xeito que a delegación do BNG estará liderada pola portavoz nacional, Ana Pontón, e a do Bloco pola coordinadora nacional, Catarina Martíns.

“O obxectivo deste encontro é afianzar a cooperación entre ambas organización arredor de iniciativas estratéxicas para Galiza e Portugal, principalmente no ámbito das infraestruturas, unha oportunidade para relanzar proxectos de comunicación por tren entre Vigo e Porto para reducir os tempos de conexión entre ambas urbes”, explica o deputado de infraestruturas do BNG, Luís Bará, ademais as dúas organizacións “traballarán para impulsar diante dos goberno español e portugués o corredor Atlántico”.