O BNG exhibe músculo en Carballo

2 minutes read

Continúa en marcha a campaña electoral fronte ao 10-N. Este luns, con todas as miradas centradas no debate a cinco, o BNG escolleu Carballo para o seu acto central de campaña. Ante un abarrotado Fórum, o alcalde, Evencio Ferrero, defendeu a xestión do BNG no goberno municipal con incidencia en asuntos locais como a reclamación da circunvalación ou a ampliación do polígono. Ferrero defendeu a volta dos nacionalistas ao Congreso avogando por “non ser menos que Euskadi, Cataluña, Valencia ou Cantabria, que teñen voz propia”.

Pola súa banda, a Portavoz Nacional da formación, Ana Pontón, puxo a Carballo como aval de xestión como “outra maneira de facer política”. Pontón fixo un chamamento “a aqueles que confían no BNG nas municipais porque só hai un BNG”. Pontón mencionou “unha irrelevancia política de Galicia e unha Xunta que funciona en modo avión. Tamén denunciou a falta dunha tarifa eléctrica galega contra o que si pasa en Euskadi e criticou o actual sistema de financiamento.

A candidata ao Congreso Belén Lendoiro apelou ao voto útil para facer valer Galicia, como cando estaba Paco Jorquera no Congreso e loitou para facer realidade na vila o Mercado ou a Biblioteca. Pola súa banda o tamén candidato ao Congreso Xoán Sande chamou a votar para facer valer Galicia, o que leva facendo Evencio toda a vida, dixo, interpoñendo sempre os intereses colectivos e da xente.

Tomou tamén a palabra o candidato ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, que fixo mención á falta de interese por parte dos partidos estatais dos problemas e necesidades de Galicia, e puxo como exemplo a transferencia da autoestrada AP-9.

O BNG encara os últimos días de campaña nunha posición á alza segundo as últimas enquisas, e con posibilidades de lograr representación en Pontevedra, cunha acta, e na Coruña cunha pelexa moi igualada polo último escano da provincia co partido de ultradereita VOX.