O BNG exixe a comparecencia urxente de Rueda no Parlamento polo grave colapso sanitario

1 minutes read

A deputada do BNG, Montse Prado, vén de reclamar a comparecencia urxente na Deputación Permanente do Parlamento do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pola grave situación de colapso  que se está a vivir en centros de atención primaria, PACs e hospitais de toda Galiza por mor do aumento de enfermidades respiratorias. “Aínda non chegamos ao pico máis álxido da gripe e a situación é de auténtica saturación e colapso sanitario ”, advertiu a deputada.

Unha situación de “extrema gravidade” que os profesionais da sanidade afrontan “ao límite”, denunciou, e que era previsible, mais que o Goberno do PP afronta “dende a improvisación, sen planificar nada, sen adiantarse e sen organizar”. “Non fixeron nada para garantir a accesibilidade á atención primaria, non reforzaron os profesionais nos centros de saúde nin nos PACs”, criticou. Segundo asegurou, a Consellería de Sanidade limítase a “actuar de comentarista” do que está a pasar e “de novo, vai por detrás do problema”.

Mostra disto, engadiu, é que “tivemos que agardar ao 29 de decembro para que a Consellería de Sanidade recomendara poñer máscara e que dixera que os plans de continxencia están aí por se fai falta activalos”. “Están incumprindo o dereito fundamental de protección da saúde, o deber de protexer a saúde e a vida das galegas e os galegos”, sentenciou.