- O Bloque reta a Feijóo a «saír da súa zona de confort do Telexornal a maior gloria da súa figura».
A formación nacionalista insta xa á Corporación dos medios públicos que o organice e «en horario de máxima audiencia», logo de que os últimos debates co gallo das eleccións xerais se celebrasen, con polémica, ás 10 da mañá. Segundo anunciou Xavier Campos, secretario de Comunicación da Executiva Nacional, o BNG xa solicitou á dirección da CRTVG a organización deste debate en horario de máxima audiencia «para permitir que os galegos e as galegas teñan a oportunidade de presenciar en directo as diferentes alternativas que se presentan ás eleccións do 5 de abril».
“Esperamos que Feijóo non se acovarde ante un debate co BNG e coa candidata, Ana Pontón, que non teña medo a contrastar propostas, modelos de país e iniciativas de futuro ante os galegos e as galegas», engade Campos, que reta o presidente da Xunta a «saír da súa zona de confort do Telexornal a maior gloria da súa figura» e a saírse do «marco da publicidade e da propaganda para participar en un debate plural no que haxa un contraste real de alternativas».