O BNG leva ao Parlamento galego as deficiencias no IES Fernando Blanco de Cee

1 minutes read

O BNG da Costa da Morte vén de anunciar que, a través do deputado Oscar Insua, presentou no Parlamento galego unha iniciativa na que urxe á Xunta de Galiza do Partido Popular a que actúe ante as múltiples deficiencias que presenta o IES Fernando Blanco de Cee, que foron postas en coñecemento polo equipo directivo do centro ante as autoridades educativas en reiteradas ocasións.

Os nacionalistas manifestaron o seu apoio ás demandas da comunidade educativa e criticaron que o goberno galego “non teña dado resposta algunha, a pesares dos continuos avisos dos responsábeis do instituto ceense”. Sinalaron, así mesmo, que o caso do IES Fernando Blanco “non é algo puntual na comarca, pois existen outros centros educativos que presentan graves eivas e se atopan en mal estado, como o CEIP Labarta Pose de Baio, O CPI de Zas e o IES Eduardo Pondal de Ponteceso”.

O BNG lembrou que o profesorado do IES Fernando Blanco ten denunciado diversas deficiencias estruturais no centro, como filtracións de auga que obrigan a dar clase con caldeiros no chan, que xa provocaron accidentes; ademais de cortes de luz constantes, falta de climatización e un sistema de calefacción obsoleto.

Os docentes tamén sinalaron que hai unha vacante en conserxaría sen cubrir desde hai máis dun curso, e que a seguridade viaria nos accesos ao instituto está en grave risco, por falta de sinalización e exceso de velocidade do tráfico.