O BNG levará ao Parlamento os danos por filtracións de auga na Cidade da Xustiza de Vigo

1 minutes read

O BNG vai levar ao Parlamento galego as filtracións de auga na nova Cidade da Xustiza de Vigo que afectou a expedientes xudiciais. A deputada, Carmela González, anunciou unha batería de iniciativas do BNG para esixir explicacións ao Goberno galego e urxir medidas que eviten que se poidan repetir este tipo de sucesos que afectan ao funcionamento da administración xudicial.

A deputada nacionalista sinalou que «o pasado 24 de maio de 2022 procedeuse á inauguración oficial da denominada Cidade da Xustiza de Vigo, malia que xa se advertía que a infraestrutura non estaba rematada, nin en condicións de ser utilizada». Neste sentido, lembrou tamén que a rehabilitación e acondicionamento para usos xudiciais, do que na altura foi o denominado Hospital Xeral Cíes – Vigo, tivo un custo que superou os 40 millóns de euros e con sobreprezos superiores ao 30% do orzamento inicial.

Para o BNG resulta «sorprendente e incomprensíbel» tanto a falla de previsión, como a precipitación nun traslado sen adoptar as medidas axeitadas para a protección, cando menos, de instrumentos esenciais para o funcionamento da administración de xustiza. Polo que demandarán explicacións á Xunta e urxirán o despregamento de medidas efectivas para que non se volva comprometer o correcto funcionamento xudicial.