A candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, celebrou este mércores en Santiago un encontro con cargos locais da súa formación, aos que mobilizou para «desterrar a mentira» nas eleccións do 18 de febreiro. Coa crise dos pellets como fondo, Pontón asegurou que «a xente deste país merece unha presidenta que diga a verdade fronte a un presidente do PP que deu un recital de mentiras, ocultación e incompetencia».
Segundo Pontón, «o 18 de febreiro só hai dúas alternativas»: «un goberno do Partido Popular co candidato Rueda como presidente, o mesmo que nos deixa unha Galiza máis pequena, o mesmo capaz de mentir á cidadanía ante un desastre ambiental, ou un goberno liderado polo BNG, cunha presidenta preparada para poñer en marcha unha Galiza en grande e que sempre, sempre lle vou dicir a verdade aos galegos e ás galegas».
A nacionalista, que amosou a súa solidariedade co sector pesqueiro e cos concellos involucrados, especialmente os de Muros e Ribeira, dous dos máis afectados e os dous gobernados polo BNG, reclamou tanto á Xunta como ao Goberno de España que remate o cruce de acusacións entre administracións. Tamén considerou «urxente» que o presidente Rueda compareza no Parlamento, fronte á intención de que este xoves o faga a vicepresidenta segunda e titular de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.