O BNG pide a comparecencia de Feijóo no Parlamento e que o Sergas contrate máis persoal

1 minutes read

Ante a evolución dos datos da pandemia,- con record de contaxios diarios-, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propón que se reforce a sanidade pública, en particular a atención hospitalaria e de camas UCIs, para anticiparse e evitar calquera saturación na asistencia sanitaria hospitalaria e de urxencias. “Unha proposta que facemos en positivo e sen máis ánimo que o de contribuír a superar esta terceira onda canto antes”, salientou a líder nacionalista. Tamén fixo fincapé en que o SERGAS debe garantir a saúde máis aló da COVID, “porque hai milleiros de persoas con outro tipo de doenzas, algunhas moi graves que requiren atención, seguimento e mesmo coidados intensivos”, alegou Pontón. 

Ademais insistiu na solicitude de comparecencia do presidente da Xunta no Parlamento para explicar a situación nesta terceira onda e para presentar o plan de vacinación, con transparencia e detallando o número de persoas que se van contratar, calendario, medios e loxística prevista para vacinar a toda a poboación, “tendo en conta a magnitude do reto ao que se enfronta o sistema sanitario e a importancia de ser áxiles e eficaces porque a vacina o mellor antídoto contra a COVID e o mellor camiño para salvar vidas e recuperar a actividade económica”, concluíu Pontón.