O BNG pide a Madrid que elimine a cita previa nas oficinas públicas da Costa da Morte

2 minutes read

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anunciou o rexistro de iniciativas nas que urxe ao Goberno do Estado a eliminar a cita previa nos trámites habituais ante os diferentes organismos da Administración Xeral do Estado e para o acceso a servizos públicos. Trátase dunha cuestión que está a afectar á veciñanza da Costa da Morte, que está sufrindo a imposibilidade de realizar trámites pola obrigatoriedade de dito requisito.

Néstor Rego sinalou que hai dous anos que o Goberno do Estado anunciou que ía eliminar a cita previa obrigatoria, e mesmo nunha resposta ao BNG do mes de maio do ano pasado, indicábase que “ten por obxectivo a eliminación da mesma, a través dun cambio normativo previsto no Anteproxecto de Lei para a Transformación da Administración Pública que, entre outras medidas, prevé que, en ningún caso, poidan estabelecerse sistemas de cita previa de carácter obrigatorio como requisito para a atención á cidadanía nas oficinas de información, tramitación e rexistro”.

O BNG da Costa da Morte salientou o caso da oficina da Tesouraría da Seguranza Social de Corcubión, que dá servizo a toda a comarca, na que non resulta posíbel pedir cita previa nunca para a xestión de prestacións, aparecendo só dispoñíbel axendar esta oficina para a obtención do certificado dixital. Ao tempo, de acudir a persoa presencialmente para realizar os seus trámites, tampouco obtén atención, limitándose a indicar a necesidade de pedir cita previa.

Ademais, tanto para esta como para o resto de oficinas aparece xa completo todo o mes, e resulta imposíbel fixar a cita ou programala para máis adiante, pois o calendario non permite acceder a meses posteriores.

O responsábel comarcal do BNG, Xurxo Rodríguez Baña, manifestou que “o Goberno do Estado está desmantelando os poucos servizos públicos que temos no rural, e ademais debería habilitar máis persoal para atender á cidadanía».

Rodríguez Baña advertiu que «no caso de Corcubión é imposíbel coller cita previa na Seguranza Social, nin presencialmente nin por internet; é inadmisíbel nestes tempos, e máis cando prometeron hai dous anos eliminar este sistema. Os cidadáns quedamos indefensos e sen atender».

“Unha parte importante da poboación non ten os coñecementos ou os medios técnicos para concertar a cita por medios electrónicos e, no caso de facelo telefonicamente, debe enfrontarse a mensaxes automáticas e longas esperas”, sinalou o portavoz nacionalista, que subliñou que desde o BNG recolleron as queixas da veciñanza da comarca.

A formación nacionalista avanzou mobilizacións “para exixirlle ao goberno do PSOE que solucione de inmediato esta situación irresponsábel”.