O BNG pide á Xunta ‘que cumpra a promesa de incluír unha quinta farmacia na Laracha’

2 minutes read

O BNG da Laracha vén de insistir na demanda dunha quinta farmacia para o municipio e pide á Xunta que cumpra a promesa realizada en 2022 polo daquela conselleiro de Sanidade, Julio Comesaña, que anunciaba publicamente que, dado que se cumprían os requisitos, incluiríase unha nova oficina farmacéutica para o concello larachés no próximo concurso público.

A través do deputado Oscar Insua, a formación nacionalista rexistrou diversas iniciativas no Parlamento galego nas que insta ao Goberno autonómico a modificar e actualizar o mapa farmacéutico de Galiza, engadindo unha nova farmacia para A Laracha, en concreto para a localidade de Paiosaco na parroquia de Lestón.

Desde o BNG indicaron que dito mapa farmacéutico leva sen actualizarse desde 2017, a pesar de que houbo concellos que si sufriron algúns cambios demográficos, polo que cumprindo os requisitos esixidos, terían dereito a ter unha nova farmacia no seu municipio. “Este é o caso da Laracha, emprazado na lei como zona farmacéutica semiurbana ao ter unha poboación entre 10.000 e 30.000 habitantes, e que conta con catro farmacias autorizadas e abertas, e tería dereito a ter unha máis”, subliñaron.

Os nacionalistas consideran que “esa quinta farmacia ten que situarse na localidade de Paiosaco, unha demanda histórica que levamos reivindicando desde hai moitos anos e que tamén leva reclamando a veciñanza desta poboación, que no seu día, por medio dunha asociación veciñal, xa fixera unha recollida de centos de sinaturas para apoiar esta petición”.

O BNG lembrou que “a parroquia de Lestón, ademais de contar cunha das feiras máis importantes da provincia no lugar de Paiosaco, é na actualidade a de maior poboación do concello das que non contan cunha farmacia, e polo tanto non pode quedar ningunha dúbida de que esa quinta farmacia ten que ser localizada en dita localidade”.

A portavoz municipal do BNG da Laracha, Carolina Castiñeiras, afirmou que “o goberno municipal dá bandazos con respecto a esta historia; desde prometelo en diferentes campañas electorais desde 2009 até dicir que eles non poden decidir onde se poñen as farmacias”.

Castñeiras engadiu que a “última vez que o BNG local levou o tema a pleno, o PP contestou que non tiña por que situarse en Paiosaco a quinta farmacia”.

Cumprimento dos requisitos

A lei de ordenación farmacéutica de Galiza establece o cálculo das oficinas de farmacia que corresponden nas zonas farmacéuticas semiurbanas: unha por cada 2.500 habitantes empadroados, agás que se supere esa proporción en 1.500; neste suposto poderá establecerse unha nova farmacia sempre e cando se constate un incremento neto de poboación desa zona nos últimos cinco anos.

Os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre a poboación da Laracha nos últimos cinco anos ratifican o cumprimento destes requisitos, pois pasouse de 11.521 persoas censadas no 2021 a 11.773 no ano 2025, polo que se supera a proporción dos 10.000 habitantes en 1.500 persoas.