A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pide ao Goberno do Estado e da Xunta a adopción inmediata de medidas para evitar o colapso de sectores claves da economía galega, -agrogandeiro, pesqueiro, industrial e mesmo a distribución alimentaria-, poñendo en risco miles de postos de traballo.
Para a líder do BNG, á espiral inflacionista únese unha folga do transporte convocada pola denominada Plataforma en defensa do transporte, que moitas fontes consideran minoritaria e vinculada a extrema dereita, pero cuxas mobilizacións están impedindo o normal funcionamento doutros sectores, mesmo con risco de verse paralizados por falta de subministro de bens e materias primas ou pola incapacidade para distribuír os produtos agrarios, leiteiros, pesqueiros ou industriais.
Pontón considera que, máis alá da lexitimidade do colectivo que está detrás da folga do transporte, a realidade é que os problemas que denuncian existen, como a carestía dos carburantes ou da factura enerxética, problemas que debe ser abordados de inmediato.