O BNG pregunta no Parlamento sobre o parque eólico do Monte Neme

2 minutes read

A Xunta resolveu de xeito favorable, a mediados de xaneiro deste ano, a declaración de impacto ambiental do
parque eólico proxectado no Monte Neme, que afecta aos concellos de Carballo e Malpica de Bergantiños, que foi sometido a información pública no ano 2007 e conta cunha declaración de impacto ambiental publicada no 2010.


A evacuación de enerxía eléctrica que se produza realizarase a través dunha liña de alta tensión, que atravesa unha zona densamente poboada e que afecta a ámbitos de grande valor ambiental como o val do río Anllóns (Rede Natura 2000), a AEIP Val fluvial do río Lourido, e o LEIP Santa Mariña do Remuíño, que transportaría a enerxía desde a subestación Monte Neme até a subestación de Cabana, que será obxecto doutro proxecto independente. O que constitúe unha fragmentación artificial do parque e a liña de evacuación.
Ademais, o proxecto do parque eólico Monte Neme ten un forte impacto territorial xa que afecta a 1.050 hectáreas delimitadas pola poligonal, na que se producirá unha recualificación do uso do solo como “solo rústico de especial protección de infraestruturas”, coas conseguintes restricións e prohibicións de usos forestais, agrogandeiros e construtivos, que abre a posibilidade de futuras repotenciacións ou ampliacións do parque.

Un proxecto que tamén afectaría negativamente o impacto visual e paisaxístico na unidade “Beiramar de
Baldaio-Razo”, que o mesmo estudo ambiental cualifica como “severo”, así como ás persoas, polo impacto acústico na fase de funcionamento nos núcleos máis próximos, polo efecto de parpadeo ou o efecto sombra (que non se avalían), e que, conxuntamente co impacto negativo sobre outros usos e actividades, producirán o efecto de expulsar poboación do rural. Un proxecto eólico que entra en contradición evidente co proxecto de rexeneración da antiga mina, que a pesar de contar con orzamento, a Xunta non executou. Malia todo isto, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda formulou a Declaración de Impacto Amiental (DIA) do parque eólico Monte Neme considerando o proxecto como ambientalmente viábel.

O BNG presenta unha batería de preguntas na Comisión 6ª do Parlamento, entre as que destacan as seguintes:

  • Cando ten pensado executar o goberno galego o proxecto de rexeneración da antiga mina o Monte Neme?, e se considera compatíbel esta rexeneración coa instalación dun parque eólico nesa zona?. Tamén se preguntan os nacionalistas se a Xunta considera que pode afectar a franxa costeira deRazo e Baldaio, e a ser declarada Reserva Mundial de Surf, ou Xeodestino Costa da Morte como Destino Turístico Starlight.