“A próxima lexislatura ten que ser a lexislatura do tren en Galiza”. Baixo esta premisa, a candidata á Presidencia da Xunta da Galiza do BNG, Ana Pontón, presentou diante da estación de ferrocarril en Compostela as principais liñas do programa de goberno do nacionalismo nesta materia, indicando que o tren é o medio de transporte “asostíbel” polo que aposta decididamente para a mobilidade, tanto de persoas como de mercadorías. Pontón avanzou que o Goberno que aspira a presidir exercerá todas as competencias na materia para mellorar o transporte por tren para o que, en primeiro lugar, anunciou a creación do ente ferroviario galego Galtren, como instrumento que permita “exercer as competencias que temos recoñecidas no noso Estatuto”.
O obxectivo é dar aos galegos e ás galegas a posibilidade dun tren do século XXI, “mellorando conexións, frecuencias e horarios”, e tamén utilizar o tren como medio para “articular e vertebrar o territorio conectando vilas e cidades”. En definitiva, “que tamén utilicemos o autogoberno deste país para desenvolver o ferrocarril”, resumiu.
TREN DE PROXIMIDADE
A líder nacionalista tamén explicou a aposta do BNG por un tren de proximidade, denunciando que hoxe Galiza é un dos poucos territorios que non teñen este servizo. Neste sentido, recordou que a “implantación das proximidades” na Galiza é un dos acordos acadados polo BNG no pacto de investidura, dando prioridade ás áreas urbanas máis desenvolvidas, de tal xeito que en catro anos, -é dicir, na lexislatura-, o obxectivo é que haxa tren de proximidade entre A Coruña-Ferrol e Vigo-Pontevedra, cunha poboación que supera as 900.000 persoas. En todo avanzou que o Bloque quere estender “ao conxunto do País”. Pontón avogou por mellorar as frecuencias e os horarios actuais, dadas as deficiencias que sofren os usuarios e as usuarias, para o que comprometeu abrir unha negociación co Estado, negociación que, segundo dixo, cómpre desenvolver tamén para ampliar a rede ferroviaria galega.
Nesta liña, a candidata nacionalista márcase como un dos obxectivos prioritarios que todas as cidades galegas estean conectadas con servizos “que nos permitan ter unha mobilidade rápida” e “suplir a carencia que ten Lugo” dotando á cidade dunha conexión directa con Santiago de Compostela, o que considerou clave para a capital lucense “pero tamén para todo o interior do País”.
A FALTA DOS REPRESENTANTES DE LUGO
Olalla Rodil e Daniel Castro, números un e dous da candidatura lucense do Bloque, iban acudir tamén o encontro deste martes en Ourense con Ana Pontón, Noa Presas e Goretti Sanmartín. Rodil e Castro colleron o tren en Lugo cara a cidade das Burgas, pero xusto por deficiencias ferroviarias, o tren non continuou a partir de Mondoñedo. Unha “avaría técnica”, explicaron, deixounos parados na contorna de Oural (Sarria), onde seguían cando xa pasar unha hora dende que saíran da cidade da Muralla. “É un exemplo perfecto do illamento ferroviario no que se atopa Lugo”, sinalou Rodil dende unha liña que actualmente se atopa en proceso de modernización. Ambos explicaron nas súas redes o acontecido ca detención do tren (que non continuou o seu percorrido e a única opción que se deu foi agardar 50 minutos por un autobus que os dirixise de Mondoñedo ata Ourense), e Rodil comentaba que a “peor” parte era para o resto da pasaxe, caso de persoas que, lamentaron, “non chegaron ao traballo” en hora por mor desta incidencia. “Vivimos de primeira man o exemplo da precariedade absoluta do que é o medio de transporte do século XXI e do que Lugo non pode quedar illado”, resume Rodil.