O BNG presentou o seu programa electoral para a próxima cita do 12 de xullo. Os principais candidatos desta formación participaron nun acto no que Ana Pontón subliñou que se trata dun programa de goberno para “erguer” Galiza e prender o motor dun país parado pola falta de ideas do Executivo de Feijóo, un programa que un Goberno liderado polo BNG poñería en marcha a partir do 12X para a reconstrución económica e social, evitando que esta crise a pague unha vez máis a maioría social.
E para conseguilo insistiu nunha gran mobilización nas urnas arredor do BNG de todas as persoas que queren un cambio galego que permita pasar páxina dos once anos de decadencia do Goberno de Feijóo. Para iso, presentou un programa de goberno “arredor de dez grandes principios co obxectivo de conseguir a reactivación económica e social a través dun gran acordo de país”, explicou a candidata á Presidencia.