- De momento, os concellos directamente afectados, Carballo e Malpica, están calados e non se pronunciaron ao respecto, tal como sí fixeron diferentes asociacións, apoiadas pola veciñanza.
- O deputado Daniel Pérez e o responsábel comarcal do BNG, Marcos Trigo, insisten en que é preciso apostar por enerxías renovábeis como a eólica, pero non a calquera prezo.
Ambos representantes políticos anunciaron que esta oposición materializarase en forma de alegacións. «No caso do Parque Eólico Monte Neme, o lema #EólicosSiMaisNonAsí cobra máis sentido que nunca», manifestou Daniel Pérez.
O novo parque, que afectaría directamente ás parroquias de Oza, Cances, Leiloio ou Cambre, e polo tanto aos concellos de Malpica de Bergantiños e Carballo, obrigaría a mudar os usos do solo, coa conseguinte perda de valor, e afectaría á vida diaria de moitas veciñas e veciños ao ter que soportar o ruído dos aeroxeradores. Ademais, o seu impacto visual suporía dinamitar todo o potencial turístico da zona costeira, facendo imposible un aproveitamento turístico sustentábel, baseado na fermosura e o carácter diferencial da paisaxe, nas súas praias e no patrimonio cultural e natural que atesoura.
A autorización deste parque tal e como está proxectado suporía «un dano irreparábel para a zona», asegurou Marcos Trigo.
O BNG defende a participación pública galega na planificación e desenvolvemento do sector enerxético en xeral e do eólico en particular. Sabemos da importancia da enerxía eólica para o desenvolvemento do noso país, pero debe ser innegociábel que ese desenvolvemento respecte ás persoas e ao territorio, salvagardando espazos de alto interese ambiental, paisaxístico e/ou patrimonial.
«A enerxía debe ser considerada como un ben público galego, e os seus beneficios deben repercutir no conxunto do país e nos territorios onde se xera. É imprescindíbel garantir ese retorno», sinala o deputado Daniel Pérez. Como potencia produtora de enerxía que somos, é lóxico e imprescindíbel que ese retorno se materialice a través dunha tarifa eléctrica propia que abarate o prezo da enerxía para todos os sectores económicos e para o consumo domiciliario, unha reivindicación na que vimos insistindo desde hai anos e que cobra máis sentido aínda no contexto actual de suba especulativa dos prezos.
Por iso desde o BNG «opoñémonos ao actual proxecto do Parque Eólico Monte Neme e presentaremos as oportunas alegacións, convidando aos concellos de Carballo e Malpica a seguir o camiño aberto xa por diferentes asociacións e polas propias veciñas e veciños directamente afectadas».