O BNG presentou as liñas mestras do seu programa de goberno

1 minutes read

A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, destacou que Galiza está “ás portas dun cambio histórico”, cambio que require “un programa de goberno ambicioso deseñando desde a confianza e desde o orgullo de saber que este é un gran País, con todo o potencial e con xente honesta, traballadora e talentosa, un programa e goberno con proxectos estratéxicos e transformadores que permitan construír con bases sólidas unha Galiza con futuro”, recalcou dun dos símbolos máis recoñecibles do País.

Pontón quere ser a presidenta dun goberno que traballe a prol dunha Galiza “forte, orgullosa, próspera, na que vivir e traballar con benestar social, unha Galiza científica, verde, inclusiva e feminista, con voz propia no mundo”.

Para iso, asume ante a cidadanía dez grandes compromisos: reforzar os servizos públicos; poñer Galiza a producir e xerar emprego de calidade; aposta pola ciencia e a innovación como clave de progreso; loita contra o cambio climático e defensa dun modelo enerxético autocentrado; avanzar en autogoberno político e financeiro; modernizar as infraestruturas e facilitar o acceso á vivenda; defensa dunha sociedade xusta e feminista, apoio á lingua e á cultura; darlle perfil propio a Galiza no mundo e a rexeneración democrática.

O primeiro compromiso será reforzar os servizos públicos, porque “a sanidade, a educación, os coidados e a conciliación son a garantía dunha sociedade máis xusta e equitativa”, explicou. Como medidas concretas: Plan choque para mellorar a atención primaria de 200 M€; incrementar o persoal sanitario tanto nos centros de saúde para acabar coas listas de espera en atención primaria e reducir tamén o tempos de agarda para operacións cirúrxicas, especialistas e probas diagnósticas. Neste primeiro compromiso, Pontón tamén destacou a posta en marcha dun Plan de saúde mental e prevención do suicidio.