A Comisión de Cultura do BNG desenvolveu este sábado no espazo cultural e formativo a Unitaria, de Compostela, a primeira das actividades de debate sobre política cultural que ten pensado levar adiante nos vindeiros meses.
Co nome de Vermú Precario, na xornada de debate participaron diferentes persoas referenciais na creación e xestión cultural galega actual, como o director de cine Alfonso Zarauza, o músico Alonso Caxade, a actriz Isabel Risco, a música e cantante Faia Díaz, a produtora Arantxa Estévez, o investigador e xestor Marcos Lorenzo, o tradutor, escritor e músico Samuel Solleiro ou a música Alba María. Todas elas debateron, convidadas polo BNG, sobre a precariedade como elemento caracterizador da realidade cultural galega na actualidade, e partiron da propia experiencia profesional e persoal para se achegar á cuestión e formular análises que foron compartidas e motivaron o debate cos e coas asistentes.
No acto, o BNG aproveitou para reclamar estabilidade e apoio á difusión da creación artística do país en todos os ámbitos. De cara a ese necesario apoio, o candidato ao Congreso pola Coruña, Nestor Rego, propón que a cultura do país tamén conte coas institucións culturais e cos medios de comunicación públicos do Estado, que para iso son financiados tamén cos impostos dos e das galegas.
De feito, o candidato nacionalista salientou a repercusión que pode ter a difusión de contidos culturais en lingua galega a través dos medios de comunicación estatal, como se puido comprobar recentemente desde un programa emitido por TVE. “Por experiencia sabemos que iso é un factor determinante á hora de que a produción cultural galega teña máis visibilidade e sexa máis coñecida e, por tanto, é unha liña de traballo que imos desenvolver desde o Congreso”, argumentou.