O BNG propón que goberne “o máis votado” en Ourense


  • O BNG toma a iniciativa para acabar coa parálise de Ourense: moción de censura e permitir que goberne a lista máis votada.

Ourense está sumida na parálise cun rexedor “letal” pero votado e apoiado até agora polo PP e urxe un cambio de rumbo. Tomando de novo a iniciativa, o BNG pon encima da mesa unha solución: moción de censura contra Jácome e abrir a porta a que goberne a lista máis votada, como tería sucedido se o PP de Feixóo non tivese posto os intereses partidistas por riba dos da cidade nun pacto “de mero intercambio de cromos”.

“Hai que facer algo xa, non se pode seguir como se nada pasara, sobre todo porque estamos nunha crise no medio dunha pandemia e require que esta cidade teña un goberno que colla as rendas”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, tras un encontro en Ourense co grupo municipal nacionalista e outros responsables políticos do BNG na cidade.