A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro cunha representación do comité de empresa de Ferroatlántica despois de que o até agora propietario a través da multinacional Ferrogloble, Juan Miguel Villar Mir, vendese as plantas de Cee e Dumbria a un fondo americano por 170 millóns de euros, incluíndo a concesión das dez centrais eléctricas vinculadas ás plantas da Costa da Morte.
Tras o encontro, a líder nacionalista anunciou que vai levar ao Parlamento unha dobre iniciativa: reclamarlle ao presidente da Xunta que cumpra coa palabra dada precisamente en sede parlamentaria e esixa da empresa un plan industrial que garanta o futuro de Ferroatlántica nunha comarca na que xera 400 empregos directos.
E, en segundo lugar, avanzou que o BNG vai trasladar ao resto dos grupos do Parlamento a creación dunha comisión de investigación que analice a compra-venda das plantas e a xestión levada a cabo por Villar Mir ao longo de case trinta anos.
En relación á proposta de crear unha comisión de investigación, o obxectivo é que analice tanto a operación de compra-venda como a xestión levada a cabo por Villar Mir desde se fixo coas plantas de Cee e Dumbria, “porque é importante coñecer se os beneficios das centrais redundaron na Costa da Morte ou se houbo fraude de lei porque en lugar de usar eses beneficios en beneficio do país, estiveron fuxindo e acabaron incluso financiando de xeito irregular ao PP”, recalcou Pontón.