Unha delegación do Bloque Nacionalista Galego conformada polo deputado no Congreso, Néstor Rego; as deputadas do Parlamento galego, Alexandra Fernández e Carmela González; e os portavoces municipais de Vigo, Xavier Pérez igrexas e Redondela, Xoán Carlos González, mantivo unha reunión con representantes da veciñanza para abordar a demora na aplicación por parte do Goberno español das medidas da rebaixa das peaxes que estaban previstas e aínda non se executaron.
Néstor Rego trasladou á veciñanza que “no acordo de investidura, entre o BNG e o PSOE, se incluíu a liberación de peaxes no tramo entre Vigo e Redondela, que o Goberno español ía asumir polos orzamentos do Estado o incremento de 1% anual acumulativo durante vinte anos, así como aplicar descontos aos usuarios e usuarias recorrentes que fagan máis dunha viaxe ao día”. Por esta razón, o BNG non entende que a día 1 de xaneiro, en vez de anunciar estes descontos, “o que fai o Goberno español é anunciar unha nova suba das portaxes da AP-9 que ademais será, por cuarto ano consecutivo, a autoestrada do Estado español que máis sobe” sinalou Rego.