O deputado electo por Pontevedra e viceportavoz do BNG na pasada lexislatura, Luís Bará, compareceu ante os medios de comunicación para realizar un dobre denuncia en relación aos procedementos de contratación da Xunta nos últimos anos: por unha banda, as “moitas sombras” que presentan algúns dos contratos de emerxencia realizados durante a pandemia e, por outra, o incumprimento sistemático da lei de contratos, coa falta de transparencia esixida e o fraccionamento de contratos para adxudicalos discrecionalmente como práctica normalizada.
Sobre o primeiro asunto, as contratacións relacionadas coa COVID, Bará avanzou que, unha vez constituído o Parlamento galego, o Bloque reclamará a documentación relativa a todos os expedientes dos contratos de emerxencia realizados durante a pandemia e solicitará unha auditoría externa e independente, tal e como xa fixera en 2022 e que o PP rexeitara daquela escudándose nun informe remitido á Cámara que non era máis que un “informe contable”, sen detallar a documentación completa solicitada.
Segundo Bará, agora o Partido Popular pretende negar a auditoría servíndose dun informe do Consello de Contas, cando dito informe “non é unha auditoría” e reflicte precisamente a opacidade administrativa e a falta de información por parte da Xunta sobre estas contratacións (non existe constancia do rexistro de contratos dos expedientes de emerxencia tramitados polas distintas áreas sanitarias) e que, segundo advirte o propio ente fiscalizador, se realizaban por norma xeral de xeito verbal, non se formalizaban posteriormente e non se lles daba a publicidade oportuna, cando a tramitación de emerxencia non exime de dar publicidade á adxudicación dos contratos.
O deputado electo do Bloque tamén recordou que o Consello de Contas recolle no seu informe de xullo de 2023 o incumprimento xeneralizado da lexislación vixente en materia de contratos nos relativos á subministración de material funxible (como máscaras, luvas ou batas), sen documentación relativa a antecedentes previos (peticións de ofertas, orzamentos, propostas de subministradores, acreditación de solvencia, etc), nin ningún acto administrativo ditado que soporte as adxudicacións.