A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda e a portavoz en materia de pesca no Parlamento galego, Rosana Pérez denunciaron as graves e “demoledoras” consecuencias para a flota galega, tras o acordo do Brexit e reclamaron “medidas compensatorias”, a curto e longo prazo, para non “condenar ao sector ao despece”.
Miranda lembrou que están en xogo os postos de traballo de 1.400 tripulantes e 10.000 empregos indirectos. O BNG, dixo solicitou un encontro co Comisario de Pesca e enviou as propostas da formación nacionalista ao grupo no que o BNG está integrado. Ana Miranda recalcou que a flota galega é unha das grandes prexudicadas no acordo do Brexit e salientou que “no ano 1929 fomos nós os que descubrimos a potencialidade pesqueira do Gran Sol”. Agora, «déixannos a espiña e levan a carne«, concluíu.