- Será o vindeiro mércores no transcurso do pleno do Parlamento.
A circunvalación é unha demanda histórica do concello de Carballo, da comarca de Bergantiños e do tecido social e empresarial da zona. Trátase dunha infraestrutura vital para mellorar a mobilidade, a conectividade e a competitividade desta área, pois permitiría desviar do casco urbano o tráfico de paso mellorando a calidade de vida e a seguranza viaria, e tamén mellorar a conexión dos parques empresariais de Bértoa e A Laracha.
Despois de máis de 20 anos de proxectos, logo de acordos unánimes da corporación de Carballo, a Xunta de Galicia segue sen acometer a construción desta infraestrutura. Se ben esta obra foi incluída no Plan Move do ano 2010, a realidade é que pasados 9 anos segue sen aprobarse e executarse. No mes de marzo de 2018 o alcalde de Carballo reuniuse co presidente da Xunta de Galicia para reclamar a aprobación deste proxecto así como outras obras que son demandas históricas deste concello. Pasados máis de 15 meses da reunión, o goberno galego non deu ningún paso adiante para facela realidade.
O pasado 18 de maio, nun mitin electoral en Carballo, o presidente da Xunta comunicoulle ao candidato do PP ás municipais que se era alcalde falarían da circunvalación.
Mais alá da utilización partidista da presidencia da Xunta que destilan estas palabras, o BNG entende que é o momento de falar da circunvalación e de facelo co alcalde de Carballo elixido pola cidadanía nas urnas o pasado 26 de maio. E sobre todo é o momento de aprobar o proxecto e planificar a súa construción dotando os orzamentos necesarios para facela realidade.
Por todo isto o BNG formúlase as seguintes preguntas para resposta oral na Comisión 2ª do Parlamento:
Ten previsto o goberno galego aprobar o proxecto da circunvalación de Carballo no presente ano 2019?
Vai incluir a Xunta unha partida no orzamento de 2020 para licitar e comezar a execución desta infraestrutura?
Ten previsto o presidente do goberno galego falar co alcalde de Carballo sobre esta infraestrutura de vital importancia para o desenvolvemento de Carballo e a súa comarca?