O BNG urxe á Xunta a liderar a saída da crise de Barreras

2 minutes read

«O goberno galego ten que liderar a saída da crise do estaleiro Barreras entrando no accionariado do estaleiro e liderar un proxecto de futuro para a construción e reparación naval na Ría de Vigo», afirmou a deputada do BNG Carmela González na moción debatida no Pleno do Parlamento galego á que a portavoz popular, Teresa Egerique  anunciou o voto en contra do Partido popular.

A nacionalista lembrou que Galiza, nos anos 70 copaba o 5% do mercado mundial pero na actualidade a realidade a día de hoxe son » gradas baleiras pola falta de actividade».  Dende o 2008, engadiu a nacionalista, a construción naval galega, «vangarda mundial pola calidade dos seus traballos e pola súa experiencia», padeceu continuos vaivéns que o colocaron  «nunha situación de incerteza constante».

Na actualidade, explicou, «o sector naval na Ría de Vigo atópase nunha situación crítica» pola falta de  actividade nos 3 maiores estaleiros: Barreras, San Enrique e Metalships e denunciou que durante 12 anos o goberno de Feixóo non foi capaz de trazar «unha folla de ruta» para a construción e reparación naval, «sector estratéxico no noso país». A política industrial do Partido popular, dixo a nacionalista, é un «conxunto de parches, anuncios e propaganda».

O BNG di que hai que parar o apoio económico sen unha implicación directa das administracións nas empresas e lembrou que no anterior pleno, o conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, respondía ao BNG  estar «a favor de participar no capital de Barreras se o socio industrial con capacidade para desenvolver ese proxecto o considera oportuno, e mostramos o noso compromiso para facelo’, pero dende o BNG non entendemos que  se o Partido Popular está a favor de participar no capital de Barreras, non inicie xa esa entrada polo que  preguntou se o Goberno galego seguirá , concedendo  axudas sen control.