O BNG urxe axilizar a chegada da alta velocidade a Vigo ante os novos atrasos na Saída Sur

1 minutes read

O Bloque Nacionalista Galego urxe axilizar a chegada da alta velocidade a Vigo ante os novos atrasos na Saída Sur e na posta en marcha dos novos trens Avril. A fronte nacionalista afea as “escusas reiteradas” do Goberno español de PSOE e Unidas Podemos para xustificar as demoras nunha conexión “chave e irrenunciábel” para a cidade, a súa comarca e o conxunto de Galiza.

O portavoz e deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denunciou a “continua improvisación” do Ministerio de Transportes, que vén de anunciar a ampliación de dous meses no prazo de licitación do estudo informativo para a conexión ferroviaria con Portugal. “Non se pode argumentar unha cuestión de seguranza xurídica cando se levan tantos anos con esta cuestión e cando hai un estudo de alternativas que tiña que estar xa finalizado”, lamentou Rego.

O deputado nacionalista reclamou que o Goberno estatal “cumpra dunha vez” con Galiza ante a permanente dilación de infraestruturas e servizos ferroviarios. Nese sentido, chamou a poñer fin ás continuas mudanzas de data para a chegada dos trens Avril, comprometidos primeiro para 2022, logo para o primeiro trimestre de 2023, posteriormente en maio e agora para principios de outono, segundo afirmou a secretaria de Estado, Isabel Pardo de Vera.