O bono da Xunta para dependencia parte dunha suba decidida polo Estado

4 minutes read

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciaba “un bono para a dependencia” no debate de política xeral, o primeiro con el como presidente e o derradeiro da lexislatura. Dentro dun paquete de múltiplas promesas de axudas directas para diversos sectores, o actual titular da Xunta anunciou un “bono” de 5.000 euros anuais para persoas en situación de dependencia grave ou severa que reciban atención no seu domicilio.

Nas semanas seguintes, tanto Rueda como a conselleira de Política Social, Fabiola García, reiteraron a promesa en diversas declaracións e encontros con persoas beneficiarias de prestacións da lei de dependencia. O 1 de decembro, cadrando coa publicación no Diario Oficial de Galicia da modificación da orde que regula esta materia, o Goberno galego emitía un comunicado no que indicaba que “a Xunta cumpre o seu compromiso e comezará a pagar o Bono Coidados no Fogar e o complemento ao Bono Residencial a primeiros de xaneiro”.

“O Bono Coidados no Fogar é unha axuda de 5.000 euros anuais para todas as persoas con dependencia que son atendidas nas súas casas”, indicaba o devandito comunicado. Non obstante, alén da presentación política da medida, a parte legal da cuestión, ofrecía pistas sobre a súa orixe e natureza real: non se trataba dun novo “bono” nin de 5.000 euros que se sumarán mecanicamente ás prestacións vixentes. “O 19 de xullo de 2023 publicouse no BOE o Real decreto polo que se regulan as prestacións do Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia” e dita norma, evidencia, modifica as contías das prestacións, entre outras modificacións.

Concretamente, no que atinxe ás “libranzas ou prestacións económicas para coidados na contorna familiar”, a nova regulamentación estatal fixa que deben consistir nun mínimo de 100, 150 ou 200 euros ao mes en función o grao de dependencia recoñecido (I, II ou III) e nun máximo de 180, 315 ou 455. Anteriormente, os máximos estaban fixados en 153, 268 ou 387 euros.

O Goberno galego xa viña complementando nun 10% a axuda estatal para estas axudas ao coidado de persoas dependentes no seu domicilio. Agora, o fixado polo Estado increméntase e a achega adicional da Xunta tamén sobe. E faino “ata os 5.000 euros anuais para todas as persoas dependentes que cobran menos do máximo establecido polo Estado” e, “para o grao III”, un 10% adicional aínda que a persoa dependente cobre o máximo estipulado polo Goberno de España.

Así, por exemplo, unha persoa que teña asignada pola norma estatal unha axuda de 315 euros ao mes (3.780 ao ano) recibirá un complemento de 1.220 euros anuais da Xunta, pouco máis de 100 euros adicionais ao mes. Trátase, daquela, de que “o importe total da libranza acade 416,66 euros” ao mes, tal e como explicita o DOG, o que dá como resultado eses 5.000 euros anuais en total, non adicionais. A orde fixou tamén un período transitorio polo que, o pasado decembro, realizou un “pagamento único” para “dar cumprimento” ao fixado polo Estado e pagar retroactivamente as libranzas coas novas contías dende o 1 de agosto e ata o remate de 2023.

O Colexio de Traballo Social pide á Xunta que “retire” a publicidade do bono e “explique o que é”. As profesionais lamentan que o Goberno galego cree nas persoas dependentes e as súas familias “expectativas” que non se corresponden coa realidade.

Non se trata, daquela dun novo bono de 5.000 euros, senón que eses “ata 5.000 euros” -como indica a orde do DOG- son o resultado da actualización das cantidades por parte do Estado e a súa repercusión no complemento da Xunta. A cantidade exacta depende da axuda que teña asignada cada persoa. Tomando o mesmo exemplo, unha persoa en situación de dependencia en grao II con este tipo de atención verá incrementada a achega autonómica nuns 700 euros anuais a respecto do que cobraba antes.

Con este pano de fondo, a Xunta dispúxose a publicitar as devanditas mudanzas normativas cunha ampla campaña en varios medios de comunicación e nas redes sociais sobre o Bono Coidado no Fogar, ao que se refería como unha “axuda directa de 5.000 euros ao ano para o coidado na casa das persoas con dependencia recoñecida”. “Sexa cal sexa o nivel de renda, sexa cal sexa o grao de dependencia: mesmo importe para todos igual”, engadía, para despois engadir instrucións sobre “como se solicita” nas que, non obstante, xa deixaba entrever que “se xa se recibe actualmente a axuda libranza na contorna familiar” simplemente se actualizarían os importes, toda vez que se trata da mesma prestación, pero cun novo nome.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?