Logo dunha semana de gran traballo e preparación o Calvo Basket Xiria está listo e disposto a “asaltar a pista” do PBB Godoy Maceira en Porriño (este sábado ás 20:15 horas), sabedores de que é dos equipos máis sólidos e conxuntados da Liga EBA.
Comenta o adestrador Héctor Méndez, que a pesar das derrotas, contra equipos bastante físicos, o Basket Xiria esta a dar un paso adiante nos adestramentos e intentar suplir esa carencia física con ilusión e gañas. Por iso está contento e satisfeito co rendemento do equipo, coa ilusión de ir a Porriño a competir e dalo todo.
O PBB Godoy Maceira é un equipo que leva moitos anos na categoría, moito tempo xogando xuntos e saben competir moi ben. A maioría dos partidos que chegan apretados no marcador, caen do seu lado e mais na súa casa. Así foi no partido en Carballo, moi parello no electrónico todo o partido e pola maior experiencia dos xogadores de Porriño, finalmente levaron a vitoria. “Competiremos como sabemos ata o final, facendo un bo xogo e recuperando sensacións, e se podemos traernos a vitoria aínda mellor”, conclúe o adestrador.