O Calvo Xiria conquistou unha importante vitoria este sábado no Pavillón Juan Vega Mateos ao vencer ao Gáldar de Gran Canaria por un axustado resultado final de 30-31. O encontro comezou cun Calvo Xiria mellor na faceta ofensiva. Os carballeses puxéronse por diante con Mario Cancela e Aaron Rodríguez como referentes en ataque. O Balonmán Gáldar soubo resarcirse do estupor inicial, logrando a igualada 8-8 no ecuador do primeiro período. Sergio Wagner, nova fichaxe dos grancanarios, anotou dous goles e mostrou boas aptitudes defensivas que sumaron para dar a volta a un marcador que permaneceu con vantaxe local, 16-14 ao descanso.
Tras a volta de vestiarios Eduardo Cousillas, lograba varios roubos para ao contraataque permitindolle ao Calvo Xiria empatar 20-20. Jesús Mendoza e Nico Diéguez mantiñan ao Gáldar na brecha, ademais dun sempre efectivo Ale Castelán desde os sete metros. A cinco minutos para o final o marcador reflectía a igualada 29-29. O Gáldar Gran Canaria mostrouse impreciso, sufrindo varias perdas de balón, circunstancia que rendibilizou o Calvo Xiria á perfección, materializando dous goles para o 29-31. A pesar do gol de Emi Villaverde no último minuto, non quedaba tempo para tentar a fazaña, certificándose a primeira vitoria da tempada oficial 23/24 para os de Adrián Dubra por 30-31.