O Calvo Xiria remonta e gaña o derbi na casa ante o Culleredo (31-26)

1 minutes read

O Calvo Xiria colleitou este sábado no pavillón Vila de Noia unha gran vitoria, co incansable apoio da súa afección, fronte ao Balonmán Sweepend Culleredo. Os de Adrián Dubra fixérono ademais co aliciente dunha gran remontada. O Culleredo foi capaz de marcar unha distancia de cinco goles por encima no primeiro tempo: 8-13, pero o Calvo Xiria non se amedrentou e as indicacións dende o banco para recompoñer o xogo deron resultado, recortou diferenzas ata o 14-16, co que se chegaría ao descanso. No segundo tempo todo foi máis doado, o equipo carballés lograba darlle a volta ao luminoso impoñendo o seu mellor xogo sobre a pista, consolidando claramente esta nova vitoria ante un rival complicado e con todo o que supón un derbi. Ao final os puntos quedaron merecidamente na casa cun resultado de 31-26.