O Calvo Xiria suma un ‘puntazo’ nos últimos segundos de partido

1 minutes read

O Calvo Xiria recibiu este sábado no Vila de Noia ao Balonmano Ingenio. O partido arrincou como o tempo, con empuxe de sol canario e un Calvo Xiria gris e a refachos, o que lle permitiría ao Ingenio chegar ao descanso con superioridade no luminoso, 13-17. Tras o paso por vestiarios os de Adrián Dubra non terminaban de arrincar, no minuto 18 do segundo tempo perdían 20-29. Pero a partir de aí unha exclusión dun xogador canario deixaba ao Calvo Xiria en superioridade e comezaba a remontada capitaneada polo apoio incondicional da bancada local. Os goles de Álex, Marcos Suárez e Mario, en superioridade, atascaron as ideas do Balonmano Ingenio que caía na precipitación ante a pasividade do adestrador visitante e crearon sinerxía no Calvo Xiria para que Chimpo, Carlos Varela e Marcos Suárez situasen aos carballeses a un punto do rival, momento no que Adrián Dubra marcaba tempo morto e tras a continuación do xogo Marcos Suárez poñía as táboas no marcador. Tería unha última oportunidade cada equipo, o Balonmano Ingenio desde os sete metros, que detiña Álex unha vez máis, e o Calvo Xiria outra en mans de Carlos que detiña baixo paus o porteiro visitante. Ao final ‘puntazo’ que sabe a gloria para o Calvo Xiria, tendo en conta a traxectoria do partido, 29-29.