O Campionato de España volve a traer o autocross a Carballo


O Circuíto Municipal de Carballo acolle esta fin de semana a cuarta proba do Campionato de España de Autocross (e a número 14 do calendario local), que pecha a primeira parte da tempada cun récord de participación. Por segunda vez na historia da competición, en todas as probas superouse a barreira dos cen participantes, e na de Carballo acádase a cifra máis alta con 115.

Ernesto Rumbo, presidente do comité organizador; Juan Fernández, do Club Rally Coruña; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e o alcalde, Evencio Ferrero, participaron na Praza do Concello na presentación do 14º Autocross Carballo, á que tamén se sumou o piloto local Maikel Vilariño cun flamante vehículo de carcross, categoría raíña da competición. De feito, en Carballo triplícase o número de monoplazas das carreiras anteriores. O espectáculo está asegurado.

Carballo estará representado por Dani Castro, Alberto Varela, Alberto Lorenzo, Javier Ramilo e Maikel Vilariño. E tamén estará representada a escudería local Máis Motor. A participación bergantiñá eleva a representación local, e destaca a presenza da pontecesá Sandra García na división 1, xa que é a única muller entre os 115 pilotos.

O 14º Autocross Carballo comezará o venres pola tarde con adestramentos libres e verificacións, que continuarán o sábado 9 pola mañá no propio circuíto. O sábado disputaranse as primeiras mangas clasificatorias, e o domingo serán as terceiras e as finais, que poderán verse en directo a través da canle de YouTube da Federación Española de Automobilismo.