O Cantalingua abre o Correlingua de 2024

1 minutes read

A fermosa festa en defensa do galego dende o sector do ensino inicia a súa actividade de 2024 coa convocatoria do seu concurso máis importante: o Cantalingua. As bandas galegas poderán inscribirse nesta convocatoria que ten como premio unha remuneración de ata 1.300 euros por cada actuación nos centros escolares que participan do Correlingua. O prazo de presentación de cancións finaliza as 24:00 do 6 de marzo de 2024.

Cantalingua é unha das convocatorias musicais máis veterana das que se realizan en Galicia e polas que levan pasado as principais bandas e solistas do panorama musical galego dos últimos anos. No concurso poden participar bandas e solistas en lingua galega de calquera estilo musical. As cancións deben ser orixinais, e cantadas integramente en galego. Para participar nas Festas do Correlingua é necesario participar no Cantalingua.

As cancións participantes serán publicadas na web de Correlingua, serán difundidas nas redes sociais e tamén se editará unha playlist de Spotify para que sexan coñecidas polo maior número posible de persoas. Os gañadores daranse a coñecer desde a web de Correlinuga. Os concertos celebraranse no mes de maio de 2024 cunha duración aproximada de 30 minutos nos concertos compartidos e de 50 minutos cando a actuación sexa en solitario.