Foi nunha xornada final na que se deu a coñecer o palmarés da súa competición internacional de series de formato curto e tamén os proxectos recoñecidos nos certames dedicados á creación de contido dixital en galego. O peche do encontro serviu así para poñer o foco tanto na diversidade e calidade das propostas audiovisuais que pasaron pola Sección Oficial como no talento que está a impulsar novas formas de creación na rede desde Galicia e en lingua galega.
No apartado internacional, o Premio á Mellor Serie, dotado con 800 euros e trofeo, foi para T-REX (Canadá, 2024), un retrato íntimo de tres amigos de infancia que, durante unha fin de semana nunha cabana, afrontan os seus propios conflitos coa masculinidade. Pola súa parte, o Premio á Mellor Dirección, dotado con 200 euros e trofeo, recaeu en Ruby (Francia, 2025), unha serie queer de superheroínas que segue a unha moza en plena deriva vital tras unha ruptura e a súa inesperada conversión en icona viral. O Premio do Público, dotado con 400 euros e trofeo, foi para The Struggle for Existence – S2 (Dinamarca, 2025), unha comedia sobre dous amigos que encaran con humor os desafíos da masculinidade contemporánea, os novos roles de xénero e a vida adulta; ademais, a primeira tempada desta serie xa pasara pola Sección Oficial do Carballo Interplay, polo que os seus directores amosaron unha emoción especial por regresar este ano ao festival para presentar aquí a segunda entrega e coñecer de preto o certame. Mentres, o Premio Xurado Novo, tamén dotado con 400 euros e trofeo, distinguiu Eyes In The Woods (Canadá, 2025), un misterio paranormal queer ambientado nun bosque no que se entrecruzan segredos, gardas forestais e a atracción polo descoñecido.
O Xurado Oficial da competición internacional estivo integrado por Benja Villegas, Raquel Piñeiro e Irene Pin, mentres que o Xurado Novo estivo formado por Belén Teiga, Aira Portos e Antón Lorenzo.
Recoñecemento ao talento dixital en galego
No marco dos premios dedicados ao contido dixital en galego, o festival volveu visibilizar a vitalidade, a personalidade e a diversidade dos proxectos que se desenvolven actualmente nas plataformas dixitais en lingua propia. O Premio á Mellor Canle, dotado con 600 euros, foi para Miradenovo, “por conectar con todo tipo de público, amosarnos as posibles futuras vidas das cousas, a visión á hora de crear unha canle con este contido tan específico en galego e facer que todas queiramos ter as casas máis trendy”.
O Premio á Mellor Creadora ou Creador, tamén dotado con 600 euros, foi para @Antontisimo, “por ser o carisma personificado, atraparnos desde o primeiro segundo e apostar por un internet sen artificios onde o importante é o contido. Para que nos siga dando a chapa moitos anos máis sobre as cousas que lle gustan”.
O xurado destes galardóns estivo composto por Sara Seco, Andrea Villa Feijóo e Adrián Pérez -autor do perfil @Salseologia-.
Impulso á produción de novos proxectos
Ademais, o Premio á Produción de Contido Dixital en Galego, dotado con 3000 euros, foi para o proxecto Crossbooking Castelao, unha proposta de microdrama basado na obra de Castelao. Con este recoñecemento, o festival mantén unha das súas liñas de apoio á creación dixital en galego, favorecendo o desenvolvemento de novas propostas pensadas para o ámbito en liña.
O xurado encargado de seleccionar este premio estivo integrado por Román Varela, Maite Parga e Sandra Lesta.
Ao longo de catro días, o Carballo Interplay desenvolveu no Mercado de Carballo unha programación que combinou a exhibición da súa Sección Oficial de series coas estreas de Millennial Mal e Epidemia Invisible, ademais de paneis como Scroll, scroll, STOP. As novas regras da divulgación e Internet chiquito, shows e podcasts en directo como Bimboficadas, Sexo en Nueva York Podcast, Pop y Muerte, I’LL SEE YOU IN MY DREAMS. TWIN PEAKS e Código Fonte Audiovisual, o concerto de Pantis, as actividades de Zona PRO e as propostas arredor da creación de contido dixital en galego. A 13ª edición pechou así reafirmando o seu papel como unha cita de referencia para a reflexión, a exhibición e o impulso ao talento arredor da cultura dixital contemporánea.