- A Consellería de Educación quere xuntar nunha mesma unidade primaria a 17 nenos de diferentes idades e cun só mestre
Este luns pais e alumnos do CEIP Areouta de Sardiñeiro, no concello de Fisterra, concentráronse para que a Xunta de Galicia non realice recortes no centro escolar.
Segundo sinalan desde a ANPA Arco da Vella, a Consellería de Educación pretende deixar só dúas unidades: a de infantil (na que actualmente hai 9 nenos) e a de primaria. Nesta última é onde está o problema, xa que para este curso agárdanse como mínimo 17 matriculados, de diferentes idades, que desde Educación queren xuntar nunha mesma aula e cun só mestre.
Na mañá deste luns os nenos que estudan no Areouta, familiares e persoas alleas ao centro que quixeron mostrar igualmente o seu apoio, percorreron un tramo desde o colexio hacia o paseo marítimo para defender a educación pública e de calidade no rural, portando diferentes carteis con frases como ‘Con tanto recorte, de las cuatro reglas solo vamos aprender a restar’, ‘La educación no es un gasto, es una inversión’ ou ‘Se recortas en educación e sanidade, ¡non tes perdón!’.
A noticia desta problemática tamén acabou na rede social TikTok da man dunha das nais afectadas, Alba Castro, quen sinala que o fin último é que os «pais saquemos os nenos da escola para que a cerren».