O cercedense Perfecto Calviño logra a vitoria en División 1 no Autocross Ara Lleida

Cedida.

No circuíto municipal Parc da Serra de Mollerussa (Lleida) disputouse a penúltima proba do Campionato de España de Autocross, onde Perfecto Calviño lograba a súa primeira vitoria da tempada en División 1, o que lle permitirá optar a un novo título de campión de España, que sería o undécimo e converteríalle no piloto con máis títulos no histórico do autocross nacional, na derradeira cita do calendario en Jerez de los Caballeros na fin de semana que pecha outubro. Ademais, Calviño igualaba o récord de sete triunfos no trazado ilderdense que ata o momento tiña o piloto local Delfín Lahoz. Tomás Aranda tamén terminaba no podio coa terceira praza de División 1 mentres Rodrigo Aranda concluía quinto.

No resto de categorías con presenza dos pilotos de Yacar Racing non habería demasiada sorte pois, aínda que Darío Calviño lograba acceder á final de Car Cross, unha avaría no motor impedíalle conseguir un bo resultado despois de iniciar a fin de semana co segundo mellor tempo na manga de cualificación. Para a final tamén se clasificaba José Fernández ‘Chola’, concluíndo na duodécima praza e realizando un bo test para a carreira do Europeo de Autocross FIA que se celebra esta próxima fin de semana nese mesmo circuíto.

Diego Martínez situábase nunha excelente quinta praza en Car Cross Júnior tras unha primeira xornada sen demasiada fortuna, aínda que lograba recuperarse o domingo mellorando moito as súas prestacións. En Car Cross Promoción o único representante na final cun Yacarcross era Gorka Ezenarro, que se situaba sétimo, tras non poder facelo Eros Ceballos ao non concluír a terceira manga clasificatoria.