Dentro da programación dos Venres Coolturais, esta semana arrinca no Pazo da Cultura de Carballo o ciclo de documentais galegos Mundos silenciados, unha aproximación ao mellor do cinema documental galego a través de catro títulos que, desde perspectivas moi diferentes, nos achegarán a realidades ou mundos silenciados que aínda viven no pasado, seguen presentes só na nosa memoria ou son vividos individualmente, aínda que tratan problemas que nos afectan a todos/as.
Mundos silenciados enmárcase en A través da lente, a sección coa que a Concellaría de Cultura pon en relación diversas accións de fomento e difusión das artes da imaxe e audiovisuais arredor da fotografía e do cine.
En cada sesión, contarase ademais coa presenza do director/a e/ou algúns membros do equipo, que presentarán o filme e participarán nun coloquio cos asistentes. Está confirmada a presencia en Carballo de todos os directores, agás Ángeles Huerta, directora de Esquece Monelos, quen expresou o seu desexo de presentala no Pazo, pero que aínda non conseguiu cadrar axenda. O acceso a todas as proxeccións será libre e gratuíto ata completar aforo.
Presentación
De Mundos silenciados falaron o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e dun dos directores que exhibirán película no programa, Ángel Cordero. Trigo lembrou os obxectivos que a Concellaría de Cultura persigue con A través da lente, no que tamén teñen espazo outras propostas destacadas este ano nos Venres Coolturais, como o Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís ou o ciclo Conversas fotográficas. “O que queremos _explicou_ é ofrecer unha mirada ao audiovisual galego; neste caso, de catro documentais multipremiados e dunha indubidable calidade”.
Ángel Cordero falou dos catro documentais que poderemos ver no próximo mes e medio no Pazo da Cultura e afirmou que o nome do ciclo, Mundos silenciados está “moi ben pensado porque reflicte as dificultades que teñen para exhibirse e distribuírse este tipo de propostas, malia estar tan premiadas como as que traemos a Carballo”.