O comercio de Carballo pechará o 20 de outubro en protesta pola súa exclusión, un ano máis, de MercaNaVila

3 minutes read

O comercio de Carballo levará a cabo este martes, 20 de outubro, unha xornada de protesta pola exclusión do municipio, por segundo ano consecutivo, do programa MercaNaVila que promove a área de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña. Coincidindo co inicio da campaña, os establecementos participantes pecharán as súas portas durante dúas horas (de 10 a 12h) e cubrirán os escaparates con pancartas co lema «Nós tamén somos vila».


A acción completarase cunha marcha silenciosa, prevista para as 12.00 horas, desde a céntrica rúa Coruña ata a Praza do Concello, onde se dará lectura a un manifesto para expresar o malestar do sector e denunciar os prexuízos económicos que provoca esta decisión, que tamén está a afectar a outros sete concellos máis en toda a provincia. O documento será remitido posteriormente á Deputación Provincial da Coruña.


A mobilización non pretende reclamar a incorporación de Carballo nunha edición xa iniciada, senón facer visible o desacordo coa exclusión e pedir criterios máis xustos para futuras convocatorias ou medidas compensatorias en igualdade de condicións.


Unha exclusión que afecta ao comercio e á veciñanza


Carballo queda fóra do programa por superar o limiar de 20.000 habitantes, un criterio que, segundo o CCA, non ten en conta a realidade do municipio, con máis de 32.000 habitantes, 18 parroquias rurais e un papel de cabeceira comercial da comarca de Bergantiños.


O prexuízo non se limita á imposibilidade de que os establecementos de Carballo se adhiran á campaña. Esta exclusión tamén afecta á veciñanza, que está a recibir comunicacións para descargar uns bonos que non pode utilizar nos comercios de referencia da súa propia vila, o que condiciona os hábitos de consumo provocando malestar entre consumidores e favorecendo a fuga de consumo cara a outros municipios e mesmo outras comarcas, cun impacto directo sobre a facturación do comercio local.


O impacto económico xa se fixo notar na edición anterior. Segundo os datos recollidos polo CCA entre os establecementos asociados consultados, algúns negocios rexistraron perdas de facturación de entre 8.000 e 12.000 euros respecto ao mesmo período de 2024.

Apoiar os concellos pequenos e fortalecer a economía comarcal

O CCA quere deixar claro que non cuestiona MercaNaVila nin o apoio aos concellos de menos de 20.000 habitantes. Defende que este obxectivo é lexítimo e totalmente compatible coa participación das cabeceiras comarcais, cuxa oferta comercial complementaría a dos municipios da contorna participantes no programa.


Por iso, propón a súa inclusión de cara a futuras edicións ou estudar alternativas que permitan utilizar os bonos nos establecementos de referencia comarcal cando a oferta do municipio de residencia non sexa suficiente. Deste xeito, poderíase reforzar o comercio de proximidade e favorecer que o consumo permaneza no territorio, xerando riqueza e actividade económica en Bergantiños.


A entidade xa trasladou esta preocupación á Deputación da Coruña nunha xuntanza celebrada hai uns meses, na que non se pediron axudas compensatorias nin un trato de favor para a asociación, senón que a totalidade do comercio de Carballo poida participar en igualdade de condicións.


Baixo o lema «Nós tamén somos vila», a protesta está aberta a todos os establecementos que queiran sumarse, sexan ou non asociados ao CCA. Trátase dunha reivindicación que afecta a todo o tecido comercial e tamén á veciñanza, polo que a entidade anima tamén a participar a quen comparta a necesidade de defender o comercio local e unha distribución máis equilibrada das oportunidades no conxunto da comarca.