O Concello de Zas pon o broche final á programación do ciclo ‘Afiando Fouciños’ este domingo, 18 de outubro, coa proxección do documental ‘Deuses de Pedra’, dirixido por Iván Castiñeiras. A sesión celebrarase ás 17:00 horas no Local Fouciño de Baio e coincidirá coa inauguración deste novo espazo, nunha xornada que servirá tamén de antesala á celebración dos Premios Fouciño, que terán lugar os días 22, 23 e 24 de outubro.
Con esta proposta, o ciclo ‘Afiando Fouciños’ culmina a súa programación cunha obra que afonda na relación entre a infancia, a memoria, a tradición oral e o mundo rural, cuestións especialmente ligadas á identidade e á realidade dos territorios rurais galegos.
O alcalde de Zas, Manuel Muíño, destaca a importancia desta xornada para o municipio: “Con esta proxección pechamos a programación de ‘Afiando Fouciños’ cunha proposta cinematográfica que nos invita a reflexionar sobre as nosas raíces, a memoria e o futuro do rural”.
Muíño subliña tamén a relevancia da apertura do novo espazo, afirmando que “un ano mais os premios Fouciño supoñen un paso importante para seguir achegando a cultura á veciñanza e para contar cun lugar de encontro arredor do cinema e da creación audiovisual único na Costa da Morte.”.
Esta xornada será tamén a antesala dos Premios Fouciño, que se desenvolverán os días 22, 23 e 24 de outubro.
