- O grupo municipal solicita unha partida específica nos orzamentos da Xunta de 2027 e un calendario de execución, catro anos despois da sinatura do protocolo co Sergas
- O Concello xa puxo á disposición os terreos necesarios e executou con recursos municipais a urbanización da contorna
O grupo municipal do BNG de Carballo levará ao próximo pleno (luns 26 de outubro) unha moción para reclamar á Xunta de Galicia financiamento e un calendario concreto que permita facer realidade o Centro Integral de Saúde (CIS). A iniciativa demanda que os orzamentos autonómicos de 2027 inclúan unha partida específica e suficiente para executar a ampliación e remodelación do actual centro de saúde, coa programación plurianual que resulte necesaria ata a súa finalización.
Catro anos despois da sinatura do protocolo de actuación co Servizo Galego de Saúde, en 2022, o BNG considera necesario que a Consellería de Sanidade concrete os compromisos adquiridos. O Concello xa puxo á disposición do Sergas os terreos necesarios para a ampliación e asumiu con recursos municipais a urbanización do contorno, rematada desde hai meses.
Porén, o goberno municipal continúa sen coñecer un calendario concreto para a execución do equipamento. A moción lembra que hai meses se remitiu unha carta ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, para solicitar información sobre o estado de tramitación, sen que ata o momento se trasladase ao Concello unha resposta que permita coñecer os avances e os prazos previstos.
A iniciativa reclama á Consellería de Sanidade e ao Sergas información detallada sobre a situación do proxecto e un calendario que recolla os prazos para completar a súa tramitación, licitar e executar as obras e poñer en funcionamento o CIS.
O BNG demanda tamén que a apertura do centro vaia acompañada do persoal, equipamento e servizos necesarios para mellorar de maneira efectiva a atención sanitaria á poboación de Carballo e do conxunto de Bergantiños.
A formación nacionalista subliña que a colaboración institucional debe traducirse en compromisos efectivos por parte de todas as administracións implicadas. Co solo dispoñible e coa urbanización rematada, considera que corresponde á Xunta garantir o financiamento e impulsar as actuacións pendentes.
A reivindicación dun novo centro de saúde segue vixente
Na exposición de motivos, o BNG lembra as carencias que arrastran Carballo e a comarca na atención sanitaria pública, entre elas a insuficiencia de persoal e especialidades, a sobrecarga dos equipos sanitarios e as demoras na atención.
Fronte a esta situación, a formación mantén as súas reivindicacións históricas de mellora dos recursos sanitarios de Bergantiños, como a construción dun hospital comarcal, a dotación dunha ambulancia medicalizada e a creación dun novo centro de saúde en Carballo.
A proposta da Xunta de ampliar e remodelar o edificio actual para transformalo nun CIS non substitúe, para o BNG, a necesidade dun novo centro de saúde. Con todo, o Concello decidiu colaborar desde a lealdade institucional para facilitar unha actuación que pode supoñer un avance na atención sanitaria da comarca.
A moción busca que ese avance deixe de ser un compromiso pendente para contar, nos orzamentos de 2027, cos recursos e cos prazos necesarios para a súa execución.
