O compromiso coas propostas sociais protagoniza o inicio de campaña do PP de Carballo

1 minutes read

Aurelio Núñez visitou as instalacións de APEM, ASPABER e AFABER para coñecer de primeira man as necesidades e os problemas cos que se atopan no día a día.
Aurelio ten claro que hai que aumentar as axudas a estas e outras entidades que tan importante labor realizan para Carballo. A nivel económico e tamén de infraestruturas, porque o propio candidato xa asegurou que o Partido Popular actuará nas antigas vivendas dos mestres, na rúa Vázquez de Parga, acometendo as reparacións que procedan para a súa utilización como locais para as distintas asociacións.
Moitas delas atópanse con problemas para desenvolver o seu traballo, como é precisamente o caso de AFABER. Aurelio reiterou o seu compromiso de axudar a esta entidade, en colaboración con outras administracións, na busca dun local axeitado ás súas necesidades. De igual maneira que xa conta co compromiso da Consellería de Política Social para o financiamento das novas prazas que se cren.
Responsabilidade social
O candidato asegura que o Partido Popular “asume unha responsabilidade social para avanzar cara un Carballo máis inclusivo, impulsando un amplo programa de apoio aos maiores, ás persoas que menos teñen e tamén ás persoas con diversidade funcional. É necesario blindar o gasto social e traballar de xeito conxunto con todas estas entidades”.