O Concello da Coruña tamén retira a Fraga o título de Fillo Adoptivo

2 minutes read

Manuel Fraga segue a perder recoñecementos en Galicia. Hai tan só uns días o pleno municipal de Ferrol aprobou unha moción para retirarlle o título de fillo adoptivo e este luns foi o pleno municipal da Coruña quen aprobou unha moción semellante para eliminar a mesma distinción para Fraga e para o tamén ministro franquista Laureano López Rodó.

A moción foi presentada polo colectivo de presos e presas da ditadura a través do BNG e saíu adiante cos votos de Marea Atlántica e PSdeG-PSOE e BNG, e coa única oposición do Partido Popular. A súa voceira, Rosa Gallego, amosou o seu «rotundo» rexeitamento á iniciativa, que cualificou de «provocación sectaria». Mentres, o concelleiro José Manuel Sande (Marea Atlántica) destacou que o feito de que persoeiros como Fraga e López Rodó, altos cargos dunha ditadura, ostentasen o título de fillo adoptivo non constituía unha «honra para a cidade». Finalmente, a socialista Yoya Neira destacou que facían unha distinción «entre o Manuel Fraga do período predemocrático e a persoa que foi presidente da Xunta», unha diferenza «clave na definición do voto”.
En 2009 este mesmo pleno da Coruña acordou a retirada das distincións honoríficas a Francisco Franco e a oito ministros na ditadura: Luis Carrero Blanco, Camilo Alonso Vega, José Antonio Girón de Velasco, José Ibáñez Martín, Juan Castañón de Mena, Pedro Nieto Antúnez, Tomás Garicano Goñi e José Solís Ruiz, pero non incluíu a Manuel Fraga e Laureano López Rodó.

A iniciativa do colectivo, que botou a andar este mes de xaneiro, avanzou na revogación das distincións que estes dous políticos aínda conservaban, reclamando daquela Nicanor Acosta que o pleno municipal tivese «tolerancia cero co franquismo e os seus colaboradores».

A moción presentada este luns destacaba que «estamos ante unha auténtica anomalía dentro das democracias europeas que hai que superar» e preguntábase se «algún ministro dos gobernos de Hitler ou Mussolini conserva hoxe a distinción de Fillo Adoptivo nalgún concello de Alemaña ou Italia».

Manuel Fraga ante Franco. Foto.- rtve