O Concello da Laracha afirma estar levando a cabo actuacións de mantemento nos centros de ensino do municipio

2 minutes read

O Concello está a levar a cabo durante o período estival as actuacións de mantemento e posta a punto dos centros de ensino do municipio co obxectivo de que as instalacións estean nas condicións axeitadas para o inicio do novo curso escolar no mes de setembro.

Estas intervencións nos CEIPs Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión forman parte do labor que o Concello, dentro das súas competencias, realiza cada ano durante o verán aproveitando o cese da actividade escolar para acometer as obras necesarias nas instalacións. Ao longo do curso tamén se realizan intervencións cando as necesidades así o requiren.

O desenvolvemento destes traballos faise sempre en coordinación coas direccións dos centros, mantendo unha comunicación constante para coñecer as necesidades detectadas e establecer as prioridades de actuación. O obxectivo é garantir que os espazos educativos se atopen nas mellores condicións posibles para o desenvolvemento da actividade lectiva.

No caso do CEIP de Caión, no próximo curso escolar darase un paso importante na mellora do servizo de comedor. Nunha iniciativa coordinada entre o Concello e a dirección do colexio, vaise trasladar ao Centro Sociocultural da Insua, instalación situada xunto ao centro de ensino e que actualmente está a ser obxecto dun proxecto de renovación integral. A nova localización permitirá dispoñer dun espazo máis cómodo e mellor equipado para prestar o servizo con maior comodidade e calidade. Mentres se executan as obras no Centro Sociocultural da Insua, o comedor continuará funcionando noutro emprazamento de xeito temporal, polo que o servizo seguirase prestando con normalidade.

Paralelamente ao mantemento ordinario das instalacións, o Concello mantén unha comunicación continua coa Dirección Territorial da Consellería de Educación para trasladar as necesidades que poidan requirir intervencións estruturais ou actuacións de maior envergadura. Deste xeito, búscase coordinar as competencias de ambas administracións. En todo caso, as actuacións que se desenvolven durante o verán permiten aproveitar o período sen actividade lectiva para realizar os traballos necesarios e preparar os centros de cara ao regreso do alumnado e do persoal educativo no inicio do curso escolar.