O Concello da Laracha discrepa co líder local do BNG sobre o servizo de axuda no fogar

2 minutes read
  • O Concello da Laracha ven de emitir un comunicado este martes no que discrepa co edil do grupo do BNG Xoán Manoel Sande sobre as declaracións, que parece ser fixo, a cerca do servizo de axuda no fogar.

Comunicado integro:

Ante a información distribuída nos medios de comunicación polo edil do grupo do Bloque Nacionalista Galego, Xoán Manoel Sande, sobre o servizo de axuda no fogar, o Concello da Laracha quere aclarar o seguinte:

1.- O Concello da Laracha cumpriu estrita e puntualmente coas súas obrigas con Idade de Ouro Servicios Sociosanitarios S.L. mentres a citada empresa prestou o servizo de axuda no fogar.

2.- O Concello da Laracha sacou a licitación en tempo e forma o novo contrato para a prestación do servizo de axuda no fogar, pero o concurso quedou deserto.

3.- Ante o abandono do servizo por parte de Idade de Ouro Servicios Sociosanitarios S.L., o Concello da Laracha reuniuse con responsables da empresa e cos representantes sindicais co propósito de atopar unha solución beneficiosa para os traballadores e os usuarios do servizo.

4.- O Concello da Laracha contratou unha nova empresa para prestar o servizo de axuda no fogar, sendo condición indispensable subrogar no novo contrato á totalidade dos traballadores e mellorarlles as súas condicións laborais.

5.- O Concello da Laracha non ten constancia de que existan salarios pendentes con ningún traballador do servizo de axuda no fogar, nin por parte da nova empresa nin por parte de Idade de Ouro Servicios Sociosanitarios S.L.

6.- O Concello da Laracha lembra a todos os edís da Corporación que os profesionais municipais dos diferentes servizos técnicos, económico e xurídico están á súa disposición se desexan obter información detallada sobre calquera cuestión relacionada coa xestión e actividade municipal, en especial sobre temas tan sensibles como o servizo de axuda no fogar nos que as informacións falsas ou distorsionadas distribuídas de xeito irresponsable poden confundir aos usuarios do servizos e crear unha infundada alarma social na veciñanza da Laracha.